luns, 28 de maio de 2018

Hold your light, eleven, 'til one and one are one.

Ó pasado, cando se pon un pouco menhir,
hai que recordarlle que é máis ben
unha diapositiva chea de aceites de cores.

Pode sorprender cos soños máis vívidos
agazapados detrás de pilas e pilas de anos,
cando xa morreran tódalas células
que unha vez os experimentaran.

Pode estar, por exemplo,
nas etiquetas azuis das películas do Cinexín.
Pode estar nunha exposición de pixel-art
con animacións de ciclo de paleta,
ou no queixume dun módem de 56k,
ou na resposta dunha cruceta á presión do polgar,
un soplido nos contactos, un CLAC e un led vermello.

Pero tamén pode ter máis cicatrices que un pirata vello.
E pode desafiar o lume e as coitelas
da maquinaria máis perfecta de destrucción de documentos.

E agora mesmo...
Ante o meu sorprendido sorriso...
triangula unha persoa enteira...

Cores de iris, pel, cabelo
Beizos, peito e pernas; tódalas rodas entreabertas
Rexistros imborrables nas retinas, na lingua, nas xemas dos meus dedos

Unha fórmula máxica.
Dúas divisións á metade, unha suma
e mailo triunfo de mergullarse no descoñecido.

E agora mesmo...
Cando todo cambia e non sei quen son...
(por fin de novo esta confusión de sorriso golfo e ás negras)
Rodéame de sol e salitre,
de instrumentos musicais,
de tempo en branco,
de químicas animais.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario