luns, 28 de maio de 2018

Hold your light, eleven, 'til one and one are one.

Ó pasado, cando se pon un pouco menhir,
hai que recordarlle que é máis ben
unha diapositiva chea de aceites de cores.

Pode sorprender cos soños máis vívidos
agazapados detrás de pilas e pilas de anos,
cando xa morreran tódalas células
que unha vez os experimentaran.

Pode estar, por exemplo,
nas etiquetas azuis das películas do Cinexín.
Pode estar nunha exposición de pixel-art
con animacións de ciclo de paleta,
ou no queixume dun módem de 56k,
ou na resposta dunha cruceta á presión do polgar,
un soplido nos contactos, un CLAC e un led vermello.

Pero tamén pode ter máis cicatrices que un pirata vello.
E pode desafiar o lume e as coitelas
da maquinaria máis perfecta de destrucción de documentos.

E agora mesmo...
Ante o meu sorprendido sorriso...
triangula unha persoa enteira...

Cores de iris, pel, cabelo
Beizos, peito e pernas; tódalas rodas entreabertas
Rexistros imborrables nas retinas, na lingua, nas xemas dos meus dedos

Unha fórmula máxica.
Dúas divisións á metade, unha suma
e mailo triunfo de mergullarse no descoñecido.

E agora mesmo...
Cando todo cambia e non sei quen son...
(por fin de novo esta confusión de sorriso golfo e ás negras)
Rodéame de sol e salitre,
de instrumentos musicais,
de tempo en branco,
de químicas animais.

 

mércores, 23 de maio de 2018

Oh, ¡Ah!, Oh (Paracatusum)

Honestamente:

Non entendo, e nunca entenderei, a poesía.
Balbuceos de bonobo.
Un mimo de sombreiro texano e camisa de cadros
tendo un affaire fogoso cunha xiganta invisible.
Referencias privadas de hipsters de primeira xeración,
máis limpos ca un can de carallo roto.
Febles hologramas disolvéndose antes de naceren.
Reflexos perfectos da realidade.

Nunca entenderei a poesía.
Gústame ata que non me gusta,
e non me interesa a túa opinión.
Vizoso e futil, así quero o meu mundo,
as miñas palabras, os meus xestos.
Así quero a miña cama e os seus relatos.

Entenderei algúns trucos de salón,
algunhas fórmulas matemáticas,
entenderei algún xogo point-and-click dos noventa
e outras bolas de neve.
Pero nunca entenderei a poesía,
como tampouco coñezo a historia
detrás da flauta que soa agora mesmo
entrando pola miña fiestra
ás catro da mañá.