domingo, 15 de marzo de 2020

Ocean wide, canyon deep



Nun dos círculos intermedios do paraíso inferno, sempre estarei somerxido neste océano. 
Nú e flotante, envolto en auga salgada que lambe cada centímetro da miña pel.

Agora está en calma; non como cando foi o círculo exterior. Apareceu coma o soño do primeiro día do verán abalanzándose sobre min. Vino chegar dende o horizonte, corrín e mergulleime. 
AS ONDAS SACUDÍRONME DE ARRIBA ABAIXO
DE LADO A LADO
ATA PERDER A NOCIÓN DO ESPACIO E DO TEMPO
ESPERNEXEI
TRAGUEI AUGA
RIN

Daquela non souben aprecialo coma o merece. Dino un pouco por suposto. Pero si que souben entregarme inmediatamente e gozalo sen reservas, coma o neno que era e que cría estar perdendo. Sen preguntarme nada. Imaxinei que as cousas, cando veñen, poden marchar, e logo volver. Ou veñen outras.

Claro que nunca sabe un o que lle agarda por diante. E é certo que unha vez, despois de media vida, nos volvemos atopar nunha desas fendas entre realidades. Superando as miñas mellores fantasías, disipando os meus máis leves pesadelos. Sempre caben as sorpresas.

Pero hoxe por hoxe, por moito que se me encha a boca e a mente cantándolle ó momento presente, non podo evitar permitir que unha parte de min quedase alí prendida. Un espírito vivo de min mesmo bañándose no mar, dándome folgos para mirar ó meu redor cun sorriso.

Porque alí, ves, sinxelamente está ela ó meu carón, ca ollada cómplice de quen non precisa palabras. Ampla coma un océano. Fonda coma un canón.